No CEIP Manuel Villar Paramá quixemos recoller eses sons que nos fan, que nos nomean. As nosas familias achegaron melodías de sempre —nanas, pandeiradas, cantos tradicionais— e tamén sons da natureza que nos envolven: o río, os paxaros, o vento e o lume. Tamén chegaron ecos actuais: o acordeón dun avó que toca “Amoriños collín”, a voz infantil que brinca entre palabras, ou o fliscorno dun pai que nos leva ata Rosalía.
Neste vídeo, cada son conta unha historia. Son historias sen tinta, escritas con aire e emoción. Sons que se suspenden no tempo coma a ponte de Xirimbao sobre o Ulla, unindo xeracións, paisaxes e lembranzas.
“Os sons da miña casa” é unha homenaxe á escoita, á identidade, ao que somos. Unha invitación a parar, a sentir, a recoñecer o valor do pequeno, do que se agocha entre o ruído do mundo.
Confiamos en que, ao velo, tamén ti poidas escoitar un anaco da túa propia casa.
POEMA DOS SONS DA MIÑA CASA
Hai sons que nacen sen pedir permiso,
nos recunchos da casa, entre silencios e risos.
Soa a carricanta mentres dorme a aldea,
e unha máquina de coser debuxa estrelas en tea.
Carmiña canta mentres afía,
e a gadaña vai abrindo o día.
O trator ruxe fondo, surcando a esperanza,
mentres o muíño, co río, amasa a lembranza.
Un gato miaña, o lume suspira,
un avó no acordeón unha historia respira.
O fliscorno soa, triste e fermoso,
coma Negra Sombra no corazón do noso.
As bombas de palenque, a banda que pasa,
un eco que queda nas rúas da casa.
As abellas traballan, os patos pasean,
os nenos xogan, as palabras voan.
As jotas e muiñeiras levantan o chan,
coa forza da terra e o pulso do pan.
E todo isto, que parece pequeno,
é o que somos, o que levamos dentro.
Así nace este mapa, feito co oído,
onde cada familia deixou o seu son vivido.
Un poema de vida, un canto do lar,
que no Villar Paramá quixemos gardar.
Comentarios
Publicar un comentario