“Con este corazón”


CEIP Manuel Villar Paramá acaba de recibir unha noticia que nos enche de emoción e orgullo: “Con este corazón”, o proxecto desenvolvido polos nosos alumnos e alumnas de 6º de Primaria, gañou o primeiro premio no Concurso de Imaxes Gráficas e Pezas Audiovisuais organizado pola Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. 

O vídeo “Con este corazón” non é só un traballo escolar, senón unha verdadeira lección de amor e solidariedade, un testemuño do compromiso dos nosos nenos e nenas coa loita pola igualdade. Esta obra naceu das mans de toda a comunidade educativa, desde os máis pequenos de Infantil ata os de 6º de Primaria, unindo forzas e corazóns para transmitir un mensaxe que, sen dúbida, tocará todos os que a vexan.

O corazón violeta que aparece no vídeo simboliza o amor respectuoso, a solidariedade e a responsabilidade de todos nós na loita contra a violencia. Vemos como este corazón viaxa de man en man, simbolizando que a loita por unha sociedade máis xusta e igualitaria é un traballo de todos. Cada verso da canción, escrito polos propios nenos, é unha declaración de principios: “Con este corazón podes mirar, pensar, axudar, con respecto, sen defecto, con amor, sen dor.” 

É unha mensaxe tan sinxela como poderosa: a amizade, o respecto e a axuda mutua son as chaves para un futuro mellor. Porque cando un se sente amado e respectado, é imposible que acepte a violencia. E iso é o que nos ensinan os nosos rapaces: “Se te queren danar, nós todos estaremos para axudar.”

Aquí deixo a canción:

Letra da canción “Con este corazón”

 

Común é o noso proxecto,

todo tinguido de respecto,

falar, sorrir e sentir,

é o xusto co que se quere vivir.

 

Non o vexas como un soño,

é unha realidade,

pásoche este corazón morado,

que non só está namorado.

 

Con este corazón podes

mirar, pensar, axudar,

con respecto, sen defecto,

con amor, sen dor.

 

A amizade é unha forza,

unha forza especial,

e ningún ser irracional

a pode facer minguar.

 

Se a túa luz ves desaparecer,

sempre haberá outro ser

que con ilusión a volva erguer.

 

E se te queren danar,

non te preocupes,

nós todos estaremos

para axudar.

 

Con este corazón podes

mirar, pensar, axudar,

con respecto, sen defecto,

con amor, sen dor.

 Este vídeo será utilizado pola Xunta de Galicia en futuras campañas de sensibilización, e tanto o alumnado como os docentes que guiaron o proxecto recibiron o seu ben merecido premio da man da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, en Santiago de Compostela o pasado 21 de novembro. 

Pero máis aló do premio, este proxecto demostra o poder da educación en valores e como, desde unha idade temperá, podemos plantar as sementes dun mundo mellor. A través da arte, a música e a imaxe, os nosos alumnos e alumnas demostraron que a loita contra a violencia e pola igualdade é unha tarefa de todos e que cada xesto conta. 

Neste corazón latexan moitos sentimentos: o amor, a amizade, a solidariedade e, sobre todo, a esperanza de que, xuntos, podemos cambiar o mundo. Gracias a todos e todas os que fixeron posible este proxecto, e a todos os que, cada día, traballan por educar en igualdade e en valores. 


Enlace a páxina da Consellería de Igualdade coa nova:

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/019004/xunta-pone-valor-concienciacion-sensibilizacion-que-demuestra-juventud-gallega

Biblioteca do Souto

Con respecto, sen defecto, 

con amor, sen dor

Comentarios

Xardín de soños lectores

Cargando soños lectores...

Entradas coa etiqueta “Recomendacións lectoras”.

Etiquetas frecuentes (Top 14)

Listaxe completa das entradas cargadas: